Saturday 18 de May de 2024

A Xunta resolve por concerto social máis de 200 prazas en Centros de Día para nenos e adolescentes con medidas de protección


Destínanse 19,6 millóns de euros a estes servizos de atención diúrna entre o que resta de ano e 2027

O Diario Oficial de Galicia (DOG) dá conta hoxe das entidades que se encargarán da xestión de 208 prazas repartidas en centros de día para nenos e adolescentes que están baixo o sistema de protección autonómico. Esta resolución coincide coa visita que esta mañá fixo o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, ao centro Agarimo, en Arteixo.

A Xunta de Galicia destina a este programa de acollemento residencial en réxime de atención de día integral máis 19,6 millóns de euros entre este ano e 2027. Esta contratación realízase polo procedemento do concerto social, con 13 lotes diferentes para outros tantas unidades de día especializados na atención aos menores das catro provincias galegas.

Os nenos e adolescentes que acoden a estes servizos de atención diúrna reciben unha atención integral nos eidos sociais, educativos e familiar. Son os profesionais dos equipos de menores da Xunta os que establecen a idoneidade destes centros para aqueles menores que se atopen dentro do plan individualizado de atención.